Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non sei onde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto, para seguir o seu programa de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo relixioso do mundo ou, polo menos, das máis importantes de Europa. A onde irán e que farán? Ao parecer van ver mundo, aprender cousas que non coñecen e das que nunca escoitaron falar. Teñen cinco días e cando volvan, seguramente derreados, que dirán?
Polo que se ve, a Semana Santa é un tempo de turismo e o turismo é un negocio, un negocio que enriquece aos ricos, que emboba aos pobos, que distribúe ledicia entre a xente nova e tamén entre os maiores que gozan ao contar o que desfrutaron mirando aquela estatua de “non sei quen”, daquel escultor famoso, que “non lembro o seu nome” .
Despois do carnaval chega a Semana Santa e a mobilidade da xente non para. Se chove porque chove e se quenta o sol, polo mesmo, a xente vai e volve. Algúns rezan e persígnanse, respectan a coresma e non comen carne. E hai quen peregrina polas rutas dos asadores de carne de porco ou de vaca, aínda que sexa barata. Cadaquén coa súa idea e conforme ao peso da carteira, antes de que fique baleira.
Por unha razón ou por calquera outra, hai no mundo centros relixiosos sagrados que atraen a milleiros de persoas e hai intermediarios turísticos que alentan a mobilidade das multitudes para que vaian rezar e ver, consumir, andar e comer. Destes centros os referentes mundiais polos millóns de visitantes, son o templo Senso-Ji de Xapón e o Santuario de Santa María de Guadalupe de México.
A Meca, o lugar onde naceu Mahoma e a cidade máis sagrada do Islam, recibe como unha ducia de millóns de turistas anuais. Unha cantidade moi alta (uns dez millóns) viaxan anualmente a Xerusalén e ao Muro das Lamentacións; moitos van a Roma para deterse no Vaticano e ver a Basílica de San Pedro. Outros andan polo mundo turísteando de festa en festa ou de peregrinación a Santiago.
Segundo a Organización Mundial de Turismo (OMT) o relixioso move máis de trescentos millóns de persoas cada ano, xerando un importante volume de negocio, veñan de onde veñan e vaian para onde vaian. Anualmente anótanse en todo o mundo cerca de mil millóns de chegadas de turistas internacionais, case o mesmo número dos rexistrados antes da pandemia. Os datos manexados polos informes da OMT indican que a industria turística achegou ao PIB mundial máis de sete billóns de dólares. Como di a Tía Manuela “o turismo move ás persoas, o capital e a conciencia”.