Chío da mobilización violeta

Chío, para o dicionario da RAG, aparte de expresar as mensaxes que se publican na rede social Twitter é, sobre todo, voz de queixa ou protesta. Metáfora acaída para definir este forte e imparábel movemento das mulleres bravas do país, feminismo militante e comprometido, chamado a mobilizarse nestas datas que enmarcan a conmemoración do Día Internacional da Muller, cada 8 de marzo, para reivindicar dereitos propios e igualdade fronte a discriminación que sofren nun sistema que é, mágoa diso, acentuadamente patriarcal por máis que se intente agochalo con normas formais, proclamas e declaracións de intencións á procura de atender ese anual grito de xustiza saído de voces da xente vestida coa cor morada, violeta ou lila.  
 

A cor morada, lila ou violeta, ámbalas tres símbolo do movemento feminista que vai asociada á efeméride do Día da Muller, nacido do fenómeno que forxaron, en 1911 nos Estados Unidos, coa súa traxedia as traballadoras da fábrica téxtil T-Shirtwaist de Nova Iorque, vítimas da explotación laboral que se cobrou a vida dunhas 130 persoas por causa dun incendio no que se viron fatalmente atrapadas. O relato indica que, con toda a cautela da súa veracidade que pode non ser tal, no momento de producirse o criminoso accidente laboral alí estaban a traballar con teas desta cor; e por iso pasou a ser o símbolo cromático do feminismo. Unha variante desta narración fala da cor do fume ocasionado por aquel fogo letal alimentado gravemente polas tinturas almacenadas, ollado como morado a moitos quilómetros de distancia pola catástrofe producida. Aínda outra versión da adopción desta cor para ser icónico, a respecto da loita das mulleres, considera que “se o feminismo é igualdade de  mulleres e homes, xuntando as cores rosa e azul, o feminino e o masculino, o resultante vai ser este morado, “cor da soberanía, símbolo do sangue real que corre polas veas de cada combatente polo dereito ao voto feminino, simbolizando a súa conciencia e a súa dignidade”.
 

Por iso, o 8 de marzo é, desde hai máis de cen anos, unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. Máis aínda, nos últimos anos, a forza do feminismo galego conseguiu desenvolver mobilizacións absolutamente históricas nas que o noso país amosou o seu compromiso coa construción dunha sociedade máis xusta. Neste senso, malia os dereitos conquistados nas últimas décadas é preciso seguir impulsado medidas encamiñadas a garantir o cumprimento dos dereitos e obrigas recoñecidos a día de hoxe na lexislación vixente; impulsar novas políticas e seguir a traballar de maneira transversal en todos os ámbitos para conquistar novos dereitos e impedir calquera retroceso nos xa recoñecidos.

Chío da mobilización violeta

Te puede interesar