A experiencia dos meses de verán –marcados pola recuperación do turismo após a pandemia– permitiu constatar a grande potencialidade da Coruña nesta materia, pero tamén evidenciou unha serie de feblezas e carencias que é necesario corrixir para tornarmos posíbel un modelo turístico sustentábel e compatíbel co benestar e a calidade vida de todas as persoas que vivimos na Coruña.
Na Coruña a oferta de vivendas de uso turístico incrementouse nun 22% no último ano e, por primeira vez desde que hai rexistros, nos últimos meses a oferta de moradas para persoas visitantes superou a oferta habitacional en aluguer para residencia habitual.
Os prezos do aluguer na nosa cidade están no seu máximo histórico. A Coruña é a cidade galega na que é máis caro arrendar unha vivenda.
O prezo medio do aluguer aumentou nos últimos anos un 20%, oito puntos máis do que subiron os ingresos. Nas persoas mozas asalariadas, as principais demandantes destas vivendas, o prezo do aluguer equivale xa á metade dos seus salarios.
E aínda que a proliferación de vivendas de uso turístico non sexa a única causa, non se pode negar o seu impacto nas dificuldades para acceder a unha morada en réxime de aluguer a un prezo razoábel.
Pero, ademáis, o crecemento incontrolado do número de vivendas de uso turístico ten outro efecto indesexábel, como é o baleiramento progresivo de residentes de áreas do casco histórico, que se acaban convertendo deste xeito nun decorado sen vida.
Facer efectivo o dereito a unha vivenda digna esixe doutras políticas. Cómpre incrementar a oferta pública e mudar a lexislación, o que por suposto debe conlevar a regulación das vivendas de uso turístico.
Todo iso é necesario para termos un turismo sustentábel, que poda coexistir cunha boa calidade de vida para todas as persoas que vivimos na Coruña