Conxurados contra esquecidos

Mirar cara ao pasado é o normal nunha sociedade avanzada socialmente. Cando a democracia está formalmente asentada de raíz e as liberdades garantidas, toca revisar os tempos nos que nada diso existía ou se roubou ou foi mutilado. Hai que facelo porque sábese certo que quen non coñece a súa historia está condenado a repetir os seus erros, pero tamén por unha cuestión de xustiza, de  verdade e de reparación das vítimas do franquismo. Con quen sufriu morte, persecución, cativerio, e todo tipo de aldraxe por ser fiel á causa de principios e valores sociais e democráticos.
 

Velaí, co lema “Os camiños da Memoria Democrática”, o colectivo Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía, aborda a consideración da iniciativa cívica a favor da Memoria Democrática, tratada a fondo nunha xornada titulada “A iniciativa cívica na dignificación das vítimas” que foi, e continúa a ser unha mostra do poder da sociedade civil na loita pola verdade, a xustiza e a reparación das vítimas do franquismo no ámbito territorial español no que, durante décadas, as persoas comprometidas nesta causa e os familiares das vítimas, loitaron polo recoñecemento e a reparación das inxustizas cometidas durante o réxime franquista, polo que foi grazas á iniciativa social de base que se conseguiron avances significativos; incluídos os elevados a rango de lei. 
 

A importancia da iniciativa radica en que logrou crear un movemento social forte e transversal, que conseguiu mobilizar á cidadanía, ás institucións e á política. Esta mobilización permitiu dar visibilidade á causa, sensibilizar á sociedade sobre a importancia da memoria histórica e esixir a reparación das vítimas. Ademais, a iniciativa foi capaz de unir a diferentes colectivos e grupos sociais, xerando un movemento de unidade e solidariedade. O traballo en rede e a colaboración entre diferentes actores foi clave para avanzar na recuperación da memoria histórica democrática.
 

A Lei de Memoria Democrática é insuficiente ao non abordar os obstáculos que os tribunais invocan para non investigar os crimes. 
 

Nin sequera trata temas como a Lei de Amnistía, algo que debería incorporarse si ou si, pero aí danse moitas resistencias. Hai certa falta de vontade política para modificar o estado das cousas e isto é máis grave cando se converte en sinónimo de perpetuar unha situación de impunidade que foi longamente mantida durante máis de 45 anos en democracia. 
 

A iniciativa cívica a favor da Memoria Democrática é un exemplo de como a sociedade civil pode ter un papel fundamental na defensa dos dereitos humanos e na loita contra a impunidade dos crimes. A súa perseveranza e dedicación é un esconxuro contra o esquecemento. 

Conxurados contra esquecidos

Te puede interesar