Falamos de paisaxe

Un estudio realizado pola Fundación Santa María La Real, entidade sen ánimo de lucro, “privada e independente”, identifica, define e cataloga vinte e catro tipos de paisaxe diferentes nas cinco Comunidades Autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago Francés, que comprende tamén sesenta e nove unidades paisaxísticas, ao longo de 173 municipios.


Esta Fundación ten como obxectivo a mellora da sociedade, mediante a posta en marcha de proxectos e iniciativas baseadas nas persoas, no patrimonio e na paisaxe.


Como indican moitos dos responsable municipais desta ruta, a paisaxe configura a identidade dos lugares por onde transitan os peregrinos, enriquecendo aqueles aspectos artísticos, arquitectónicos, lingüísticos e culturais. A propia Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) tamén lle dá voltas a este tema e prepara xornadas de debate para ensinar, difundir, observar e aprender, para non sorprenderse dos efectos que pode achegar inmediatamente o cambio climático.


Pero, que é a paisaxe? E, cales son esas paisaxes diferentes ou esas formas distintas de interacción do home co medio? Cal é o papel que desenvolven os peregrinos? Naturalmente, as xentes que andan están condicionadas polo clima, polos cambios que nel se producen, polo recorrido e polas características do mesmo. Para salvar as dificultades, as investigacións apuntan á necesidade de comprender, entender e, xa que logo, observar o dicir de quen vive na contorna do Camiño.


A xente, obviamente, dá esencia e fundamento ao Camiño de Santiago, ao pasar e ao ver aos que pasan. Todos, uns e os outros teñen presente a ameaza constante do cambio climático, dese aumento esaxerado da temperatura, do risco de incendios forestais de difícil comprensións e, como di o informe da Fundación Santa María La Real, o papel tan negativo e tan perigoso das chuvias torrenciais, que, como di a Tía Manuela, “ninguén sabe cando empezan e, moito menos, cando acaban”.  


E, se falamos de paisaxe, falamos de poboación e poboamento, de usos da terra e dos costumes de traballala, da vexetación e da fauna. Falamos do que vemos, sentimos, escoitamos e andamos. A paisaxe é a vida enteira nos lugares, nas cidades e naqueles espazos que recorre guiada polos camiños que van e veñen, que paran e seguen.


As entradas en Galicia, por calquera das rutas do Camiño de Santiago, están abrazadas a paisaxes engaiolantes, diferentes e igualmente fermosas. Os peregrinos que veñen polo mar axeónllanse ao baixar do barco e berran: liberdade!  Saben que son libres para chegar a Santiago de Compostela, polo Camiño Inglés, e despois volver cadaquén para a súa casa. Aqueles que entran pola ruta do Norte ou pola Primitiva atópase cunha Galicia semellante ás terras de Asturias que deixaron.


Os que veñen, de onde veñan, seguen sen demora polas distintas delegacións da grande fábrica que, ao longo duns mil douscentos anos,  fabricou, consolidou e defende as paisaxes que a bican.

 

Falamos de paisaxe

Te puede interesar