Fardelo de penuria

O ruído de fondo da emerxente campaña electoral, anuncia intencións para situar nalgún dos compromisos a curto inmediato das modificacións en política laboral, situando no programa para as próximas eleccións xerais do día 23 de xullo a proposta e pretensión de incluír a chamada “mochila austríaca”. Futuras decisións de goberno para crear “contas individuais transportábeis para os traballadores” que estes poderían utilizar ao longo da súa vida laboral para facer fronte a posibles despedimentos ou, se se acumulan fondos suficientes, como complemento ás súas pensións de xubilación. Este macuto é, efectivamente, un fondo que se vai acumulando con achegas mensuais dos traballadores, ben con cargo ao seu soldo ou con achegas adicionais da empresa, e é unha conta individual porque o traballador lévaa consigo se cambia de emprego. Ataque directo ao modelo solidario que agora preside o conxunto da seguridade social e da prestación aos parados.
 

Os promotores nada din como se financiaría a mochila. Se é co propio salario do traballador está claro que o efecto sería o da súa diminución efectiva, tanto na contía mensual, para ir acumulando fondos, como no montante da indemnización por despedimento que deixaría de recibir. Neste caso, o que resulta innegábel e descaro, a mochila é que sexa o propio traballador quen se “indemniza” a si mesmo. Obrígaselle a realizar un aforro forzoso para que substitúa a indemnización por despedimento que ata o de agora se por os fondos que eventualmente acumulase. No segundo, se se financia con achegas adicionais da empresa, supoñería un incremento dos custos laborais. As actuais achegas en nómina para este concepto pouco ou nada representan de cara ao obxectivo.
 

A proposta ten trampa dado que, nunha economía de salarios baixos e aínda con alta temporalidade, con gran número de despedimentos, a capacidade de facer achegas á mochila ou conta transportábel é moi limitada. Non só é iluso crer que unha parte importante dos traballadores poderían chegar á xubilación con fondos aforrados no seu macuto laboral. 
 

A realidade é que unha porcentaxe moi elevada non podería acumular os suficientes nin sequera para dispoñer dunha cantidade decente de diñeiro cando fose despedido xa varias veces, como ocorre a miúdo. Outra falacia é de aínda maior transcendencia. Tal e como hoxe funcionan a economía capitalista e as finanzas internacionais sería un verdadeiro milagre que a capitalización desas contas permitise manter o valor dos fondos aforrados, mentres se van producindo despedimentos, ou á hora da xubilación. Aquí, como sempre, a banca é quen gaña. Un fardelo de penuria que deciden as urnas.

Fardelo de penuria

Te puede interesar