Galicia é grande

Bos días, señora, señor, señorita ou cabaleiro! Bos días e escoite ben! Chamámoslle dunha axencia de viaxes, a máis importante de todas as que vostede poida coñecer e, por suposto, a máis familiar, a máis barata e a que viaxa a lugares máis seguros. Somos organizadores de excursións, de viaxes culturais, de viaxes a lugares exóticos e paradisíacos.


Se vostede quere podemos achegarnos a centros relixiosos de calquera parte do mundo, ás praias máis fermosas, aos desertos máis espectaculares, como o do Sáhara con máis de nove millóns de km2, o do Gobi, entre o Norte de China e o Sur de Mongolia, cos seus autóctonos dromedarios mirando pasar ao tren Transmongoliano; o de Arabia tamén de enorme extensión, cuns dous millóns trescentos mil km2, ou os desertos de xeo, como a Antártida, que abarca todo o continente, ou o segundo deserto máis grande do mundo, no Polo Norte, o Polar Ártico.


O caso é viaxar, moverse, andar, consumir e presumir. Traer de que falar e narrar a viaxe é algo que conforta aos viaxeiros, a todos os que van ao monte, a xunto do mar, á cidade, á casa dos parentes ou á aldea de onde saíron, onde máis se goza e mellor se está. Galicia é un espazo especial para parar, para visitar, ver e volver.


Vén á casa a veciñanza que se foi, son da familia e turistas que non paran de pasear e de loar a súa terra, “son coma nós, di a muller do taberneiro, a señora Perfecta de San Salvador, son como eran seus pais cando eles marcharon, ledos, dispostos, faladores e moi traballadores”.


En Galicia hai moito que ver e moito que facer. Quizais o prioritario sexa coidala, respectar á súa xente, respectar ao medio ambiente, a cultura propia, a forma de ser dos galegos, a terra, a natureza, o mar e o aire. Como di a Tía Manuela, “o respecto debémosllelo esixir aos turistas que veñen e aos que tanto falan dende os altofalantes gobernamentais”. Temos obriga de esixir respecto para nós e para o noso, para os montes e para os prados, para os ríos e as leiras todas, para os monumentos artísticos e arquitectónicos, para as aldeas, lugares e parroquias.  


Aprecio e comprensión para os que veñen, sexan de onde sexan, para os inmigrantes, peregrinos e visitantes. Galicia é grande, máis grande que moitos dese lugares exóticos. Aquí poden vivir e traballar todas e todos, familias de ben, individuos, compañeiros, amigos e amigas que amen á natureza, que lle queiran ao presente e que entendan o falar e o cantar da xente, para que o futuro non se vaia detrás do horizonte. 

Galicia é grande

Te puede interesar