ocesamento como concelleira de Deportes de Mónica Martínez, após a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que confirmaba a nulidade do seu nomeamento, foi o enésimo capítulo das sucesivas crises do Goberno de Inés Rey
Recapitulemos:
En setembro de 2020, tan só un ano e medio despois das eleccións municipais de 2019, prodúcese a primeira remodelación do Goberno Local. As mudanzas máis importantes foron a incorporación como concelleira de Deportes de Mónica Martínez, após o seu abandono de Ciudadanos, e o relevo de Jesús Celemín na área de Cultura, que pasou a depender directamente da Alcaldía, que nomea un director de área, Rómulo Sanjurjo, que dimitiría só cinco meses despois.
En novembro de 2020, é cesada nas súas funcións e expulsada do Goberno local Eva Martínez Acón, daquela secretaria xeral da agrupación local do PS deG-PSOE. Unha decisión que vai conlevar unha nova remodelación.
En marzo de 2022 prodúcese a demisión como concelleiro e o conseguinte abandono do Goberno Municipal de Juan Díaz Villoslada, até daquela responsábel de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade.
E o último capítulo, sen contar as continuas remocións de cargos de libre designación, é o cesamento de Mónica Martínez, que levou aparellada a asunción por parte da Alcaldía tamén das competencias de deportes, igual que acontecera con cultura. Dubidamos que deste xeito as necesidades do deporte na Coruña vaian estar mellor atendidas. E non o dicimos en demérito da alcaldesa. Dicímolo porque non cremos nin en Superman nin en Superwoman.
Mais o preocupante é que o Goberno de Inés Rey parece estar instalado na crise e a alcaldesa –tal e como defendín no Pleno realizado este xoves, o primeiro de 2023– debería ofrecer as explicacións pertinentes.
Porque teño que recordar que foi a alcaldesa quen decidiu gobernar con só oito concelleiros, porque foi ela quen decidiu cesar nas súas funcións Eva Martínez Acón e tamén quen resolveu incorporar ao Goberno local a unha persoa que se presentara ás eleccións por outra formación política, nun nomeamento que acabaría sendo anulado pola xustiza.
A Coruña necesita mais que nunca propostas serias e confiábeis e estas dificilmente poden vir dun Goberno Local que se atopa permanentemente instalado na inestabilidade.