Gota fría

Asistimos con alarma xustificábel a sucesivos episodios de fenómenos climáticos extremos, entre eles por ser o más recente ao das chuvias diluvianas que causaron mortes, desolación e moito dano material en diferentes territorios dun entorno que é próximo, sexa no ámbito español ou europeo das áreas do Mediterráneo que viron asolagadas terras, cultivos e patrimonio. É a gota fría, un comportamento que vai para alén das chuvias torrenciais, aínda que agora cunha linguaxe máis acaída ao rigor científico nos medios de comunicación, e na conversa da xente, se identifican como DANA, expresión en español do que para os galegos sería DINA; e dicir, depresión illada en niveis altos. Cousa do clima que se produce cando coinciden tres acontecementos: mar quente, atmosfera inestable na superficie e aire frío en altura. A tormenta perfecta para causar estragos. Obviamente, se botamos unha ollada ao pasado, veremos que este fenómeno devastador non é novo e no pasado deixou sucesos históricos que fican na memoria das catástrofes mais relevantes, poñamos por caso a rotura da presa de Tous e inundacións por todo o levante e norte da Península Ibérica.


Así e todo, as últimas semanas foron testemuñas de graves alteracións climáticas no continente europeo que sacudiron á poboación e provocan unha crecente preocupación sobre os impactos do cambio climático. Este verán, en particular, foi testemuña dunha serie de eventos extremos que afectaron a diversos territorios do noso continente, incluíndo ondas de calor, con temperaturas récord en lugares onde tales condicións eran impensábeis, agora choivas torrenciais e descomunais incendios forestais, o que crea alarma vermella sobre a modificación dos patróns climáticos e o acelerado quecemento global. Isto non só afectou a saúde das persoas, senón que tamén exerceu unha presión extrema sobre os sistemas de enerxía e auga, con cortes de subministro e restricións.  


Estes eventos extremos son un recordatorio claro de que o cambio climático é unha ameaza inmediata que require unha acción urxente. Os científicos estiveron advertindo durante anos que o aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro está a alterar os patróns climáticos en todo o mundo. Velaquí están xa. A comunidade internacional enfróntase a unha encrucillada letal. É hora de  tomar medidas decisivas para abordar a indiscutíbel emerxencia climática e protexer o noso planeta e as nosas futuras xeracións das consecuencias devastadoras dun clima descontrolado. O reloxo está a correr, e a acción é esencial para frear estas alarmantes alteracións do clima. Tic, tac. 

Gota fría

Te puede interesar