Idadismo laboral

Idadismo, substantivo masculino, é palabra que define a discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores que é a terceira gran forma de discriminación social, despois do racismo e o sexismo. No complexo mundo laboral actual, a discriminación por idade, coñecida como “idadismo laboral,” converteuse nunha triste realidade para moitas persoas, especialmente aquelas que superan o medio século de vida. A pesar das leis de igualdade de oportunidades e a crecente conciencia sobre a diversidade no lugar de traballo, a discriminación por idade persiste de maneira insidiosa e, a miúdo, invisible. É unha situación que precisa ser abordada de xeito perentorio pola autoridade laboral e pór coto a esta práctica coa que o mundo empresarial busca reducir o custo salarial, aínda que para ese fin de lucro se faga desprezando a experiencia e talento acubillado polas persoas a través dos anos de traxectoria e aprendizaxe laboral.


Este fenómeno maniféstase de diversas maneiras, como a dificultade para atopar emprego, o estancamento na carreira, a marxinación e, moi frecuente e aínda peor, o despedimento inxustificado. Un dos estereotipos máis prexudiciais relacionados con este problema é a crenza de que os traballadores maiores son menos produtivos, menos adaptables ás novas tecnoloxías e máis gravosos para as empresas. O impacto do idadismo laboral é devastador. Os traballadores maiores a miúdo atópanse atrapados nun círculo vicioso no que se lles negan oportunidades de emprego e desenvolvemento profesional debido á súa idade, o que á súa vez pode levar a unha diminución da confianza en si mesmos, a perda de ingresos e a inseguridade financeira. Isto arrastra efectos negativos na súa saúde física e mental, o que é particularmente preocupante nun momento en que a xubilación a miúdo atrásase debido á necesidade de manter un ingreso estable.


Aquí é de referir a considerada “síndrome do teléfono apagado”, ese cadro psicolóxico que pon foco sobre a invisibilidade percibida en persoas que se atopan sen oportunidade laboral ou con ofertas de emprego que non se adaptan a súa experiencia e necesidade, casos de impacto laboral entre traballadores aos que aínda lle fican varios anos por diante na súa carreira.  O idadismo laboral non só é inxusto a nivel individual, senón que tamén ten un impacto negativo na economía en no ámbito social. O eufemístico “talento sénior” non deixa de ser unha apelación á realidade dunha cínica situación que pide políticas, leis e actuación que remate con esta inxustiza.

Idadismo laboral

Te puede interesar