En 2015, a Asemblea das Nacións Unidas adoptou un ambicioso conxunto de metas coñecidas como os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS, co fin de abordar algúns dos problemas máis urxentes do noso tempo. Con todo, a medida que camiñamos cara ao ecuador da década, é alarmante observar como estes obxectivos seguen estando fóra do noso alcance, a pesar da clara advertencia emitida pola Organización Meteorolóxica Mundial, WMO, este mes. O informe desta institución climática, que destaca un aumento constante nas temperaturas globais e os eventos climáticos extremos, é un sinal de alarma que non podemos ignorar. Os mencionados ODS están intrinsecamente vinculados ao cambio climático e a sustentabilidade ambiental, e ata o de agora, non se está a facer o suficiente para cumprilos. Un dos obxectivos máis cruciais é o número 13, que se refire á acción polo clima. Este obxectivo busca tomar medidas urxentes para combater a muda climática e os seus efectos. Con todo, as emisións de gases de efecto invernadoiro continúan aumentando, e os esforzos para reducilas parecen estar estancados. O recente informe subliña que non só non estamos en camiño de cumprir este obxectivo, senón que estamos a acelerar cara a un futuro climático incerto e perigoso. O obxectivo 15, que se centra na vida terrestre, é outro no que se está a fallar. A perda de biodiversidade, a deforestación e a degradación dos chans continúan a un ritmo alarmante. A falta de acción neste ámbito ten consecuencias graves para os ecosistemas e, en última instancia, para nosa propia supervivencia. Ademais, o informe da WMO, destaca o aumento dos eventos climáticos extremos que afectan de maneira desproporcionada ás comunidades máis vulnerables. A falta de progreso nestes e outros obxectivos de desenvolvemento sostible é un reflexo da ausencia de vontade política e da nula conciencia global sobre a urxencia da situación. Para cumprir cos ODS e imperioso tomar medidas de vez. De non actuar de maneira decisiva e rápida, enfrontaremos consecuencias cada vez máis devastadoras para este inigualábel mundo habitado, a Terra, e para as xeracións futuras abocadas á incerteza da supervivencia. Cumprir cos ODS debe converterse nunha prioridade global, non só en palabras, senón en accións concretas e compromisos reais. Está en xogo o futuro do planeta e da humanidade. Velaí, tamén, o simbolismo do xuízo iniciado por mozos portugueses perante o Tribunal de Dereitos Humanos, TEDH, demandando a 32 países europeos pola súa responsabilidade na inacción climática. Apura.