Non é unha cuestión opcional, hai unha lei que cumprir”, foi o que declarou a alcaldesa para xustificar a renuncia do Concello á defensa do modelo húmido-seco de recollida e tratamento do lixo.
Non estamos a falar dunha cuestión menor. Renunciar a ese modelo significa que as coruñesas e os coruñeses non só teremos que separar o vidro, o papel e o cartón, os restos orgánicos e a fracción restante de inorgánicos. Agora teremos que separar tamén latas, botellas de plástico, bricks, tapas e outros envases lixeiros para os depositarmos nun novo colector específico, cando antes a separación se facía en planta.
Significa que nas rúas haberá que instalar un contedor máis, o quinto, despois de que a comezos deste mandato se adxudicase o novo contrato de contedores, que implicou a renovación dos existentes. En definitiva, significa máis gasto e máis ocupación do espazo público.
Renunciar ao modelo húmido-seco supón tamén engadir aínda máis complicacións ao proceso de tratamento dos residuos en Nostián.
Pero, ademais, non hai razóns ambientais que o xustifiquen e os datos indican que co modelo húmido-seco se recicla moito máis.
Trátase, pois dunha esixencia legal, como afirma a alcaldesa?
Tampouco. Entre as excepcións que teñen a ver co sistema de separación en orixe, a Lei de Residuos establece que a recollida conxunta do lixo non afecte a súa aptitude para a reutilización ou a reciclaxe e que a recollida separada non proporcione mellor resultado ambiental e si implique uns custos económicos desproporcionados. Todas elas de aplicación ao modelo coruñés.
Por iso non se entende que a alcaldesa non solicitase acollerse a esta excepción, como si fixo Córdoba. Ou como fixo tamén Pontevedra para que se tivese presente a singularidade do seu modelo exemplar á hora de implantar as zonas de baixas emisións.
Como non se entende que a alcaldesa non consultase nin informase aos alcaldes do Consorcio das Mariñas nesta e noutras cuestións relacionadas coa planta de Nostián, porque a viabilidade futura da planta depende da participación do Consorcio.
En definitiva, é incomprensíbel a renuncia da Alcaldesa a defender o modelo coruñés de tratamento do lixo.