“Nueva Babilonia”, de Marcelo Expósito

A Fundación Luis Seoane ofrece a mostra “Nueva Babilonia” de Marcelo Expósito ( Puertollano,1966), artista multidisciplinar, docente e autor de numerosos ensaios, cunha ampla traxectoria expositiva, foi secretario do Congreso dos Deputados nas Cortes españolas ( 2016-2019) e hai que salientar, tamén, a súa faceta de activista político. 
 

De feito, a súa tarefa de creador está estreitamente vencellada co seu pensamento crítico e coa loita por conquerir unha sociedade máis xusta, máis acorde ás necesidades humanas. De ahí que “Nueva Babilonia”, na que, a través de sete seccións,  recolle catro décadas do seu quefacer, sexa, ao tempo que un viaxeiro puzzle  por certos intres da historia e unha revisión das eivas e carencias das sociedades democráticas, unha proposta de utopia futura, ese anceiado territorio, que, hoxe por hoxe, segue a ser o “ou-topos” ou non-lugar, tal como di a etimoloxía da palabra. Na obra de Expósito, a  concepción teórica e a realización formal son inseparabeis, toda ela é unha ampla interrogante encol da función que debe ter a arte para afrontar a situación crítica da sociedade neoliberal. 
 

Os vídeos, montaxes, fotos e obra gráfica que expón compoñen un complexo, polisémico e revisionista percorrido polas estructuras de poder do mundo actual, e pola herencia que arrastra. Ofrece, así, unha visión densa, reflexiva, e poliédrica que precisa de moitas horas de visión e de lectura detida, para que poida ser asimilada en toda a súa complexidade. Penetrar en toda a carga significativa e simbólica dos seus vídeos esixe sair da pasividade contemplativa para se sentir partícipes dun compromiso estético e ético; construidos dun xeito un tanto críptico, neles establece conexións entre épocas diversas e realidades diferentes. Para despertar a nosa conciencia, sacarnos da amnesia, trata de avivar a nosa memoria,  buscando relacionar os fragmentos do crebacabezas que é a sociedad actual, un edificio montado pola historia e os poderes sucesivos, que cumple de-construir, porque fai augas por todos lados . 
 

Unha peza clave da mostra é a instalación “Como siempre se ha oído”, na que, servíndose da foto “tenebrista” dunha fragua ( que remite ao famoso cadro de Velázquez “La fragua de Vulcano”) e dun vello incre (que ata o ano 1977 fora o símbolo do PSOE) sobre o que repousan dous libros, fai unha metáfora da relación entre traballo e pensamento..A miúdo establece un contrapunto entre o seu quefacer e aqueles intres das vangardas artísticas que racharon cos cánones ao uso, para refundar unha nova visión da arte, un novo modo de facer. Como afirma no seu ensaio “Walter Benjamin” (2013). “...la tarea del arte vuelve a ser hoy, o bien contribuir a la autodestrucción de la sociedad alienada o bien cooperar a la emancipación social...” .Formado na Rjksakademie de Amsterdam, na que tamén  estudaran Mondrian e os fundadores de Cobra, e que tamén se vira influida  polo maio do 68 e a contracultura, fai un relato polifónico que abre ideas e vías en proceso.

“Nueva Babilonia”, de Marcelo Expósito

Te puede interesar