Refacer o mundo

Uns oitocentos millóns de persoas en todo o mundo teñen (temos) máis de sesenta e cinco anos, segundo datos aportados por un concienciudo informe publicado polo departamento de Asuntos Económicos e Sociais da Organización das Nacións Unidas (ONU). Estes maiores serán mil seiscentos millóns en vinte e cinco anos. Que lle parece? Os científicos e técnicos que procuran os datos aconsellan “reformular a protección social a medida que o mundo ten cada vez máis canas”. 


Parece conveniente establecer políticas globais que reforcen os contidos sociais e sanitarios. Niso están aqueles que entenden que os dereitos e o benestar social axudan a un futuro sostible. E, aínda que pareza unha evidencia, para envellecer con saúde, cómpren políticas que garantan a igualdade de oportunidades dende o nacemento.


O envellecemento da poboación non pode ser un obstáculo para o desenvolvemento. Pola contra debe ser un estímulo para as políticas de equidade e xustiza, nesta sociedade de obrigada relación entre varias xeracións. É necesario fornecer os bens públicos dos que depende a humanidade, garantir o acceso universal á sanidade, potenciar a investigación e poñer os resultados ao servizo da xente; protexer o medio ambiente, coidar a vexetación, o aire, a auga, a terra e os mares. 


Cómpre deixarse de prosmas e andar, para ampliar e mellorar os coñecementos, para que a educación sexa para todos e de calidade, para ter seguridade alimentaria e vivir nun mundo en paz, sen guerras e sen armas. Un mundo onde a razón e corazón sexan capaces de dialogar e establecer mecanismos de cooperación e de irmandade. Será posible? –Será, si señor!


Se a mocidade, as persoas adultas e maiores xuntan as súas mans e traballan para reducir as desigualdades económicas, para temperar as ambicións e esquecerse da cobiza e dos carros de combate, o mundo pode e debe ser doutra maneira. Un mundo como o que quere a Tía Manuela, “de xustiza e de reparto, no que os ricos fagan transferencias aos pobres” e “no que vivan todos”, tamén os que nacen en Afganistán, en Sudán do Sur, en Serra Leona, en Burundi, na República Centroafricana ou en calquera outro dos países moi pobres. Todos eles deben saber que coas palabras e coas ideas pódese refacer o mundo.

Refacer o mundo

Te puede interesar

Javier García Sánchez
Luís Celeiro
Soledad Parral
Javier García Sánchez
Luís Celeiro
Soledad Parral