Siro López no Kiosko Alfonso

OKiosko Alfonso ofrece a mostra “SIRO.Oitenta anos e un lápis” que quere celebrar a  traxectoria do gran artista Siro López ( Ferrol, 1943) o cal- como suxire o título- naceu predestinado para ser un excepcional debuxante, o que demostrou ao longo dos anos coas súas caricaturas na prensa e outros medios, onde, con incisivos trazos, recolleu os ángulos escuros da realidade, pero sempre dende unha visión irónica e amable, que o emparenta co que decía Samuel Beckett de que “o humor é unha cualidade do amor”; ao  que o noso Celestino Fernández de la Vega, no seu libro “O segredo do humor”, engade o matiz de que é “a cortesía do desesperado”.


En Siro non hai desesperación, pero si cortesía a eito cando fai retratos de amigos e persoeiros como Ramón Piñeiro, Celso Emilio, Otero Pedrayo, Novoneyra, Amancio Prada, Antonio Tenreiro, Elena Gago ou Luz Pozo, que son algunhas das figuras presentes nesta mostra. Sempre pinta con gozo e simpatía –como afirma César Casal– e trata de captar  con sutileza  e finura os ángulos secretos da condición humana; por eso, a miúdo ofrece unha visión variada e polimorfa da mesma persoa. Tal é o caso dos retratos de Blanco Amor, que van dende os perfís de liña incisiva ás obras en cor onde o sitúa xunto a Lorca ou na paisaxe de Auria.


Tamén de Picasso ofrece versións contrapostas, dende a de liña apacible de “Picasso con modelo” ata a ferozmente expresionista do óleo de escuras cores mouradas “Picasso  VII”. Un dos aspectos singulares da mostra é a dedicada ó universo do imaxinario, no que tanto pode reflectir a  idiosincrasia de noso, como en “O contacontos” ou “Volta da festa”, como a fantasía dos contos de fadas que recolle no sobrecolledor nocturno  “O lobo”, onde a fera antropomorfizada axexa entre árbores vermellas; tamén lle fai un chisco a Chagall en “Santorini”. O seu debuxo caraterízase pola gracia expresiva do trazo audaz e sintético, que  a veces acada unha delicadeza exquisita, como se pode ver na fermosa serie dos espidos femeninos  dos que  dí Basilio Losada- “...abonda un trazo finísimo... para carregar un corpo de fermosura invulnerable”, o traballo coa liña mostra un virtuosismo especial nos debuxos a tinta “Arbore” e “ Arbores”.


Pero hai tamén no seu quefacer, sobre todo cando pinta con cores, un lado expresionista que se manifesta na soltura das manchas, contrastes de cor e doentes xestos dos rostros, como sucede en  “Pequeno bufón triste”, “Arlequín” ou nos retratos de “Ramón Piñeiro VIII e X”.


O dominio da cor e a soltura i expresividade da mancha son visibles nos cadros Feira, Ría do Burgo, Alpedrete IV e Alpedrete V, Vioño e A Toscana, tamén en “Bodegón” e “Interior con paisaxe” que teñen ecos de Cezanne. Siro é un artista proteico que debuxa ou pinta con liberdade e variedade termática e cun estilo propio co que atinxe a máxima expresión con trazos mínimos e no que a perfección formal vai acorde coa visión en profundidade, deste xeito faille chiscos ao invisible e capta o que subxace baixo as aparencias.

Siro López no Kiosko Alfonso

Te puede interesar