O vagón da música

O libro “A Espiral do Silencio: Opinión Pública: a nosa pel social” da académica alemá, Noelle Neumann, é unha obra clásica da socioloxía que analiza como se forma e como se expresa a opinión pública nas sociedades modernas. A autora propón a teoría da “espiral do silencio”, segundo a cal as persoas tenden a adaptar as súas opinións ás que perciben como maioritarias ou dominantes, para evitar o illamento ou o rexeitamento social. Así, créase un efecto de realimentación que reforza as opinións dominantes e silencia as minoritarias, xerando unha falsa impresión de consenso. 
 

No ensaio explora os factores que inflúen na percepción da opinión pública, como os medios de comunicación, as elites, os grupos de referencia e as características individuais dos cidadáns. No modelo creado por esta autora, a espiral indica que canto máis grande sexa a opinión dominante menos se inclinará un individuo para expresar a súa propia opinión. Enseguida déixase levar polo efecto do “bandwagon” e finalmente corre coa manda. Neste contexto, os medios masivos inflúen aprisionando cada vez máis aos individuos cara á conformidade, á vez que reforzan a opinión dominante, facendo máis difícil soster unha opinión contraria. Porque, Vicente vai onde vai a xente. Di que “a espiral do silencio é o soño dos ditadores e o pesadelo dos demócratas”. 
 

Velaí esa fascinación ou atracción polo carro gañador, tomada da creación norteamericana do concepto “bandwagon”, fenómeno histórico dos seus mitos icónicos visuais e de memoria daquelas campañas electorais que se realizaban en longos percorridos en tren polo vasto territorio na que un dos vagóns era ocupado pola banda musical que animaba os actos electorais; o punto de atracción principal do mitin. Poderosa metáfora que se consagrou nos modelos teóricos que explican certos fenómenos de comportamento electoral e voto por impulso de última hora. Aplicacións ao márketing político dun sistema, o americano, que se forxou no negocio e nas súas técnicas de venda, prescindindo do corpus ideolóxico, igualando mercadoría e propostas, a peito descuberto, sabendo que existe un patrón básico de comportamento similar en Chicago, Berlín ou Vilagarcía de Arousa.
 

Así, as sondaxes de opinión, especialmente as enquisas electorais cos seus resultados condensados na súa prolongación en número “cociñado”, son  un axente activo nas campañas electorais. Datos para facilitar o diario uso por medios interesados na creación de estados de opinión orientados. Unha ferramenta científica convertida nunha especialidade máis do márketing, nun ámbito de mercantilización da sociedade no que o espazo político é un mercado máis, e o voto do electorado, na resposta do consumidor aguzado por unha publicidade primaria. Éche o que hai.

O vagón da música

Te puede interesar