A proliferación de noticias falsas e a súa aceptación por parte de certos sectores da sociedade é un fenómeno complexo que desafía á lóxica da información veraz nunha era de acceso sen precedentes á información de fontes variadas. Por iso a metáfora de “vivir na mentira” ilustra o paradoxo de ter a capacidade de contrastar información, pero elixir non facelo ou facelo adrede de maneira insuficiente. Este comportamento está a ser influenciado por varios factores, incluíndo a afinidade política, que leva ás persoas a aceptar como verdadeiras afirmacións que reafirman as súas crenzas preexistentes, a pesar das evidencias en contra. O fenómeno das “cámaras de eco” nas redes amplifica este efecto, xa que os usuarios adoitan actuar entre eles con contidos que reflicten as súas propias opinións, reforzando así as súas crenzas e a percepción de validez das mesmas. Daquela, estas noticias falsas reforzan prexuízos e opinións, especialmente en contornas onde as persoas comparten ideas, sen buscar cambiar de opinión.
Ademais, a competencia entre medios de comunicación por captar a atención pode levar á publicación de información sensacionalista ou non verificada, o que contribúe á difusión de desinformación. Alén do clásico “non deixes que a realidade estrague un bo titular”, expresión da tentación ao golpe de efecto, o xornalismo padece males que propician a situación: escaseza de recursos humanos e materiais, présa, competencia feroz, ditadura do clic. E dicir, unha concatenación de achaques que teñen unha vítima principal, o rigor. A manipulación da información en política e redes é extremadamente frívola. A verdade como valor decaeu, afectando á confianza en gobernos e institucións e socavando o interese polo sistema participativo. A erosión da verdade e a manipulación de información ameazan a limpeza electoral e á democracia mesma, xa que tendemos a crer máis as mentiras que nos benefician que as verdades que non compartimos.
A situación nas eleccións presidenciais norteamericanas é un exemplo destacado de como a manipulación informativa pode ter un impacto significativo na opinión pública e no proceso de competencia electoral. Aí aprovéitanse da existencia de feitos alternativos, trufados polas emocións ou a manipulación intencionada, que chegan a perder a batalla da verdade, en escenarios nos que as redes sociais crecen cada vez máis como fonte discutible de información fronte aos medios de comunicación tradicionais; hoxe existe un neoloxismo que se impuxo para cualificar esta perigosa situación: “o trumpismo”. Detrás diso existe unha infraestrutura de intereses que, nunha operación planificada, ameazan seriamente ao propio sistema de participación democrática. Ollo ao piollo.