Primavera de contos en Pontedeume

Primavera de contos en Pontedeume
A biblioteca municipal de Pontedeume colabora na organización do certame | j. ríos

Do mesmo xeito que nacen as flores, cada primavera agroman tamén contos en Pontedeume. Desde hai trinta anos, os estudantes de segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional da comunidade galega que non superen os vinte anos teñen a posibilidade de dar renda solta ao seu espírito creativo no eido das letras co certame organizado polo Concello.

O prazo de presentación rematará o vindeiro 16 de abril, polo que todos aqueles mozos e mozas que aínda non puxeron o seu maxín en marcha teñen aínda tempo de facelo. Serán relatos inéditos, en lingua galega e só poderá ser presentada unha obra por persoa.

A extensión: entre seis e dez folios mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara. Isto en canto aos requisitos técnicos, porque no que atinxe á temática, o límite só virá determinado pola imaxinación de cada un.

O mellor traballo recibirá un premio de 600 euros e o xurado poderá ademais determinar o outorgamento de accésits. “Non hai moitos certames dirixidos a centros educativos que teñan máis anos que este”, salienta Alexandre Caínzos.

 

Autores

O bibliotecario da vila eumesa destaca ademais a participación, ao longo das sucesivas convocatorias, de estudantes hoxe convertidos en recoñecidos escritores. É o caso do eumés Antonio Manuel Fraga –actual presidente do xurado–, María Canosa Blanco ou Inma López Silva, así como outros menos coñecidos mais tamén con libros publicados como Antonio de Castro Cortizas ou Javier Rivas Rodríguez.

Os traballos premiados pasan a formar parte dos volumes que, cada cinco edicións, son publicados polo Concello. Os editados ata o momento suman xa preto de cen historias.

 

Volume

O sexto volume verá a luz no vindeiro 2021. O Concurso de Contos Vila de Pontedeume nacía hai trinta anos por iniciativa da área de Normalización Lingüística do Concello eumés, á que xa na seguinte edición se sumaría a Biblioteca eumesa.

O recoñecido autor Agustín Fernández Paz, xa finado, foi durante moitos anos o presidente honorífico dun certame ao que se sentía moi vinculado. Impulsar a creatividade literaria da xente nova e fomentar o emprego da lingua galega continúan a ser, trinta anos despois, o obxectivo principal dun certame do que ano tras ano saen traballos de gran calidade. E un apuntamento máis do bibliotecario: o ilustrador do cartel de este ano é tamén un eumés, Sergio Acción Corral.

Primavera de contos en Pontedeume

Te puede interesar