O ciclo “Da guerra coma arte á arte en contra da guerra”, coordinada pola historiadora da arte Rosario Sarmiento, co patrocinio da Deputación, rematará este sábado, ás 20.00 horas, en Sada,
na casa da cultura Pintor Lloréns, nunha actividade organizada pola asociación Irmáns Suárez Picallo.
Como foi en Galicia esa transición de enfoque da que fala no título?
Aquí pasou un pouco como no resto. Dentro da Historia da Arte temos en España unha figura con proxección internacional como Goya, que vai ser fundamental. Se falamos de arte contemporánea, ata practicamente finais do XIX a historia e a guerra reflectíanse nos cadros como algo pomposo, heroico, pero non había ningunha referencia ás consecuencias sobre a poboación civil, que é a que sempre sofre os conflitos bélicos. A guerra non era o que pintaba Pradillo e outros artistas do XIX, nin tampouco “A rendición de Breda” que pintou Velázquez no XVII. A guerra é o que fotografa Robert Cappa, o que pinta Picasso no “Guernica” ou o que fai Goya nos “Fusilamentos do 3 de maio”. Aquí está a guerra reflectida en toda a súa crueza nas vítimas civís, con toda a carga de dor, morte, desafección e exilio que conleva. En Galicia, o primeiro artista que comezou a enfocar esa pintura da historia dunha maneira diferente vai ser moi a finais do XIX, en 1899, Ramón Parada, que forma parte da Xeración Doente con “A familia do anarquista o día da execución”. Parada presentárase á bolsa de Roma, que nese momento tiña moito prestixio, e o último exercicio consistía en pintar un cadro de historia. El pintouno cunha óptica bastante moderna, mesmo cunha técnica postimpresionista, influenciada por Delacroix, pero esa maneira de concibir non lles gustou aos popes que tiñan que xulgalo, máis afeitos a unha pintura da historia máis canónica e tradicional. No século XX será a xeración dos artistas da primeira vangarda histórica, que viviu moi directamente a Guerra Civil; falamos de Seoane, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto... Durante o franquismo destacan artistas como Quessada, que recibirá a influencia non só de Goya senón sobre todo de Picasso e do “Guernica”. Este cadro é o grande icono da representación da guerra a través das vítimas civís de toda a arte contemporánea.
A partir de aí ese enfoque xa é unánime?
Non, eu creo que son individualidades que reflicten, cada un dun xeito moi particular, dentro da súa maneira de ver e entender a arte, da súa linguaxe, a guerra e a violencia que conleva. Case todos amosarana dun xeito máis ou menos figurativo, máis ou menos expresionista, pero hai tamén quen o fai desde a abstracción, como Leopoldo Nóvoa, na súa serie “Next Time The Fire” dos anos 90 sobre a guerra de Bosnia. Algúns danlle toques acedos e mesmo surrealistas, como o escultor Pestana, que fai un alegato contra a guerra a partir dun elemento tan cotián para a cultura galega como un salmoeiro. É dicir, que cada artista vai asumir todo o que os medios contan, deglúteo e transfórmao logo no seu traballo.
Que motivou o cambio de perspectiva?
Dunha banda, esa tendencia que marca Goya e que inflúe en moitos artistas, directamente en Castelao e nos seus álbumes “Galiza mártir”, e en xeral en toda a modernidade. Pero, sobre todo, Picasso, que coloca ás vítimas civís como protagonistas absolutos. O impacto das fotografías do bombardeo que viu nos xornais americanos e franceses levouno a pintar esa obra mestra.
Que opina sobre o debate entre compromiso social e liberdade estética do artista?
O artista, calquera que sexa a súa expresión creativa, ten que ter un compromiso vital co seu tempo. Eu non entendo ningún tipo de creación fóra da realidade na que estás vivindo; do contrario será unha creación con pouco sentido, preciosista, que non deixa de ser algo que pode funcionar plasticamente, pero eu creo que a arte debe ser moito máis que plástica pura e dura.