Coa cita de Matsuo Basho: É SIMPLEMENTE O QUE ESTÁ A ACONTECER NESTE LUGAR,NESTE MOMENTO, ábrese a mostra que forma parte do ciclo “A nosa arte en corentena”, na que uns 40 artistas ofrecen visións persoais encol da vida, da condición humana e dos tempos que corren, en Kiosko Alfonso e Palexco. Dende as fotos de simios encerrados baixo mallas metálicas ata o vídeo e debuxos de Rita Rodríguez que mostra a fera loita dunha rapaza por sair do encerro caseiro, podemos pasar polas Apocalipsis arqueolóxicas de Roberto González; polas avenidas incendiadas nas que arde a estatua da Liberdade, de Iñaki López e Vanessa Castro; polos óleos de Raúl Álvarez,que mostran icebers desfacéndose baixo o lume; polos “Videos do confín” de Xoan Piñón que falan da eterna mobilidade da luz e das augas xenetrices e mortais; pola serie “Virus” de Gosia Trebacz, que espalla un libro, a xeito de diario, de 126 páxinas tinxidas de sombras como ameazas; pola instalación “Tempo confinado” de Juan de la Colina, na que establece un contraponto entre este pandemia e a gripe de 1918, en loita contra a cal tivo un destacado papel en México o seu bisabó o medico Luis G. Unda; ou polas fotos “Celdas inconscentes” de Fernando Páez, que retratan as ataduras creadas por un mesmo. Están tamén os collages de Susana Loureda de carácter feminista, os debuxos de rochas de Jorge Couceiro, os murais “Waiting” de Pablo Mella e “As nadadoras” de Olalla Sendón, o vídeo “ I self you” de Carlos Barros e “Planta 23” de Félix Fernández, as esculturas pop de Mico Rabuñal, a serie de mundos e seres fantásticos de Xosé Espona, a “Antiserie” de M. Carmona, as esculturas “Anguria” de Pepe Galán e “Ritual “de Iria do Castelo. Singulares son as instalacións luminosas “Ubuntu” de Daniel Remeseiro, “ Así somos” de Belén Montero e as redes con materiais de refugallo de Ana Mª Cabanes. A lenda “En cores. Mil peixes brancos...” acolle ás obras do Palexco, onde o relato da pandemia esfarélase nunha suxerente eclosión de abstraccións matéricas, informalistas, e xeométricas, de cores vivas,, coma no impresionante mural de Sekone, que cobre unha parede, e nos murais de Blanca Silva e “Pandemia” e “Cambio de fase” de Tebo. Fermosos son o tapiz e os totems de Marco Oggian. A relación entre mundo animal e humano aparece nos vídeos Zoo e Zoótropo de Nacho Martínez. As pinto-esculturas de Enrique Tenreiro amosan aspectos agridoces da vida. As esculturas de Chicheri poñen, con humor distanciador, unha dúbida encol das nosas certezas. A foto de Mª Blanco do globo terráqueo desinflándose é metáfora das nosas desfeitas. De entropías falan as cerámicas de Ana Rod. Ana Fraile soña con distantes paraisos. Sobre lenzos con rachaduras reflexiona Richy Vega. Codificadas mensaxes viaxan polas “Transits/Transmisions” de Sara Coleman e Cintia Bidenhorst. As abstraccións de Manuel Suárez, Cruz Pérez Rubido e Luisa Valdés abren espazos e relacións inéditas de forma e cor.