Cando falamos de cidades, pensamos en espazos físicos, urbanizados e construídos mais esa cidade física non sería nada sen a outra cidade, a cidade habitada, na que se constrúen relacións humanas e na que a xente desenvolve a súa traxectoria vital.
Todo Goberno ten ou debería ter, un modelo de cidade. O modelo de cidade que está a construír Inés Rey é claro e preciso: unha Coruña máis humana, máis sustentable, máis vivible e con máis oportunidades. Un modelo de cidade baseado na mellora de todos e cada un dos seus barrios, como espazos de centralidade da cidade, mellorando as súas dotacións e as súas zonas de convivencia. Espazos integradores onde os cidadáns poidan desenvolver a súa vida cun grado óptimo de seguridade, igualdade de oportunidades e calidade de vida.
En apenas dous anos o goberno da cidade foi quen de mobilizar investimentos (executados ou en proceso) que superan os 42 millóns de euros, cantidade repartida por todos os barrios da cidade. Os cambios e proxectos atravesan a cidade de Palavea a Monte Alto, con actuacións grandes e pequenas, mais todas centradas na busca dunha mellor calidade de vida para os cidadáns. Desde o Rosario na Cidade Vella á praza da Concordia, no Castrillón, hai centos de actuacións levadas a cabo. En concreto, 302, nunha cidade na que, hoxe, hai 33 obras en marcha. Gañar espazo para os peóns significa ensanchar espazos para eles, con carrís para pasear ou para a práctica deportiva como no paseo marítimo, ou devolver ás persoas espazos como Alcalde Marchesi, Compostela ou, desde esta mesma semana, Rúa Nova.
Hoxe na Marina hai novos espazos verdes, como tamén os hai na rolda de Outeiro con Pérez Ardá.
Ensanches de beirarrúas, parques infantís, melloras nos pavimentos e renovación de zonas verdes (vén de se aprobar o Plan Director de Santa Margarida) están no longo listado de actuacións postas en marcha nestes dous anos.
Foi un Goberno socialista, encabezado por Francisco Vázquez, o que permitiu ver aos coruñeses, tamén fóra do centro, os beneficios da humanización urbana con rúas peonís. A rúa Barcelona, a Gaiteira ou Ángel Senra son exemplos de transformación sen volta atrás. É de novo un Goberno socialista, o de Inés Rey, o que afonda agora nesa liña.
A cidade está a mudar, e está a mudar para mellor, para ofrecer aos seus habitantes espazos máis amables nos que vivir. Máis alá dos grandes investimentos, A Coruña precisaba tamén desde había tempo dunha forma máis amable de actuar sobre o territorio. Inés Rey impulsou ese trato, eses coidados, en paralelo coa busca de grandes investimentos. A Intermodal, a ría, A Pasaxe, Pedralonga, a Cidade das Tic, o tren a Langosteira, o novo CHUAC... O listado é longo e de amplo orzamento, mais de pouco serve apostar polas grandes actuacións se non se coidan aquelas que temos máis próximas que son as que máis contribúen a impulsar a cohesión social da cidade e por tanto o seu avance.