Da hipérbole

Hai un dominio evidente da exaxeración e da urxencia. As cousas ou xa son nese mesmo instante, ou nunca serán, e quedarán obsoletas e pasaran a engrosar o listado do pasado de moda. A urxencia estrea ansiedades cada día e desbota soños que nunca chegaron nin a ser iniciados. Non se da oportunidade de madurar nin de intentalo de novo. Son tempos de hipérboles e desmesuras. Todos pretenden darnos a maior das distincións, pero sempre baseadas no volume, no tamaño e perdidos nesa linguaxe grandilocuente, que acaba por alongar a distancia entre a realidade e o relato. E estamos xa cansos de malos perdedores. Ninguén se para a reflexionar sobre o absurdo de estar cualificando calquera acontecemento, coma feito histórico. Facemos a historia cada día, e sempre a base de cousas pequenas e de esforzos colectivos que nos foron levando a ser a sociedade que somos. Ás veces falamos tanto, e dámoslle tantas voltas a algunha decisión, que acabamos aburríndonos de escoitarnos. E o problema segue sen ser resolto. Vivimos expostos en exceso aos medios e as redes sociais. E semellara que precisásemos da aprobación dos demais, para reafirmarnos na validez do noso criterio e opinión. 


Comprobamos que hai unha utilización recorrente de recursos sobados para a comunicación que deixan un cheiro rancio nas explicacións políticas. A consecuencia é o incremento da distancia coa sociedade. Precisamos linguaxes sinxelos e directos. Coordinación, equilibrio e debate previo para pechar fisuras e evitar titulares malintencionados. E sobre todo, un amplo exercicio de mesura e de convicción que redimensione a acción e a reacción. A urxencia e a prioridade non significan o mesmo. Lembremos que orde máis contraorde, sempre foi e sempre será, igual a desorde.


As palabras incendian de tenrura o pensarte -dixo El- ensinan a vivir na liña fronteiriza de saberte. Pensarte ten a inmensidade dos mares e a rotundidade fráxil do silencio...

Da hipérbole

Te puede interesar