Recuperar o espírito de Jacques Delors

A saída do Reino Unido supuxo, sen ningunha dúbida, a maior crise á que se ten enfrontado a UE dende a súa constitución. Culminado o Brexit, novos nubarróns aparecen no horizonte europeo provocados polo auxe da ultradereita e dos populismos en diferentes países como Hungría, Polonia ou Eslovenia. Cunhas políticas que atacan e cuestionan, en moitos casos, diferentes dereitos fundamentais, conseguidos e defendidos dende sempre pola UE, estes países poñen en xaque na actualidade os valores constituíntes da Unión que tanto defendeu no seu día un europeísta convencido como Jacques Delors. “É difícil namorarse do mercado único”, dixo nunha ocasión o ex presidente da Comisión Europea, pero é imposible que teña futuro unha Europa ensimismada nos populismos, que sementa discordia e quebra as liberdades dos seus cidadáns.


O caso de Eslovenia –país que asumiu o pasado 1 de xullo a Presidencia da UE– é un dos máis preocupantes en tanto en canto o presidente do goberno desta república balcánica, Janez Janša, mirándose no espello do ex presidente Trump, organiza campañas de odio contra xornalistas críticas chegando a cualificalas de “prostitutas”.


Non é moi diferente o caso de Hungría. O seu presidente Viktor Orbán, é coñecido pola súa ideoloxía euroescéptica e por tentar reducir a independencia da prensa, do poder xudicial e do Banco Central do país. Ás súas políticas ultraconservadoras e homófobas tiveron unha resposta por parte dun grupo de 14 países, incluídos Alemaña, Francia, Italia e España, que subscribiron un chamamento inédito para que Bruselas denunciara a lei húngara que prohibe mencionar a homosexualidade nas escolas.


Gobernos coma estes e as medidas que impoñen nos seus territorios ameazan, sen dúbida, os valores máis intrínsecos da UE e fannos preguntar a moitos cara a onde camiña a Europa Unida. Onde quedou aquela Europa símbolo de concordia e modernidade á que desexabamos incorporármonos cando eu era un rapaz.


Onde quedou a Europa de Jacques Delors ou a que soñaron Schuman, Monet, Brandt, Kohl, Soares ou González? Foron anos nos que a UE contribuíu decisivamente á mellora dos seus estados membros a través do establecemento de reformas de fondo coma o establecemento do mercado interior ou as políticas de cohesión territoriais.


A marcha do Reino Unido levou a España ocupar un papel máis central aínda se cabe na UE. Non somos convidados nin recén chegados, senón que somos actores fundamentais da mesma e temos que ser quen de marcar o camiño con liderado.


Por iso, é fundamental o papel que xogue o Goberno de España co seu presidente, Pedro Sánchez, na recuperación da Unión coma un espazo compartido onde non se poñan en cuestión valores fundamentais ata o de agora salvagardados. Non se pode dar un só paso atrás, non se debe retroceder. Entre todos, e España ten que ser un dos países líderes neste cometido, temos que ser quen de facer que Europa volva a ser unha referencia, que avance con máis forza cara a consecución dos Estados Unidos de Europa.

Recuperar o espírito de Jacques Delors

Te puede interesar