Dos perigos da carne

Non é nada novo. A carne, baixo moi diversas aparencias, texturas e formatos, sempre estivo presente en todos os nosos procesos de medríos e adolescencias. Xa dende moi pequenos tivemos que aprender aquelo dos inimigos da alma. Eran o mundo, o demo e a carne. Tres eran tres como as fillas de Helena. A carne, por exceso ou por defecto, sempre estivo na explicación de moitos males. Pero teño para min que aquela coa que castigaban as nosas conciencias, non tiña nada que ver con proteínas e graxas. Ademais sempre foi un recurso para explicar a carencia ou a abundancia.


Que llo digan a Xosé, fillo de Xacob, e ao soño do faraón das vacas gordas e as vacas fracas. Hoxe é un motivo máis de polémica e un exemplo evidente da falla de experiencia e de coordinación. Non houbo nin unha planificación axeitada, nin unha estratexia de comunicación que minimizara os impactos.

E claro, con eses vimbios o Ministro Garzón quedou atrapado nos problemas da carne. 


Consecuentemente, como se non houbera xa conflitos dabondo, agora todo un sector, declarouse en pe de guerra, e está de unllas contra o goberno. Urxe reposicionarse, aínda que sexa a costa de dar unha imaxe de confrontación no seo do Goberno.


Por iso a frase de Sánchez foi certeira e atinada, e a súa brevidade acentúa o efecto pretendido. Todo no seu punto é imbatible. Unha mensaxe que debera encabezar calquera tratado de estratexia. É o que sucede cando alguén ten presa e quere deixar como sexa a súa pegada na historia. Case fora mellor aquilo da concupiscencia e do desexo, cando menos salvaba dunha realidade que non tiña equilibrio nin altura.

En ti latexa a maxia do que importa – dixo El – as fiestras abertas da tenrura e os afectos que activan os sentidos. Sentirte é un incendio de impactos e de asombros...

Dos perigos da carne

Te puede interesar