Segundo unha investigación publicada recentemente na revista Ecology and Society, as áreas Mariñas Protexidas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e máis da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro dos Miñarzos, xeran importantes beneficios ambientais e sociais ao proporcionar Servizos Ecosistémicos Mariños, coñecidos como SEM.
Neste estudo participa como autor principal o investigador Pablo Pita, do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE) pertencente ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), coa colaboración da Xunta de Galicia e doutros autores das universidades de Almería, Cádiz, Santiago e Vigo.
Neste estudo analízanse tres áreas protexidas, dúas delas galegas: o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que se caracteriza como unha zona con alta presión turística e enfocada na protección da biodiversidade; a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro dos Miñarzos, xestionada coa participación de pescadores locais, e o Parque Natural de Cabo de Gata-Níjar, que se trata dunha área de gran tamaño con múltiples usos.
Estas áreas xeran diversos Servizos dos Ecosistemas Mariños coas súas respectivas implicacións para o benestar humano e dando lugar a beneficios derivados do entorno mariño. O propósito deste traballo consiste en investigar como estas AMPs (Áreas Mariñas Protexidas), que foron creadas como ferramentas para contrarrestar os impactos adversos da actividade humana, contribúen ao dito benestar nas comunidades locais e á conservación dos seus ecosistemas.
As conclusións principais do estudo reflexan a relevancia que ten protexer estas áreas para a seguridade na alimentación, o crecemento económico e as oportunidades de emprego, especialmente nos sectores de pesca e turismo, incentivando a produtividade pesqueira e fomentando o turismo sostible.
A proximidade a centros de poboación, a respectiva estrutura de goberno e a súa correspondente xestión, son factores clave que tamén afectan en distinto grao ás áreas implicadas.
O Grupo GIBE do CICA traballa en distintas liñas de investigación nos ámbitos da biodiversidade, conservación biolóxica, explotación sostible de recursos mariños, evolución e diversidade vexetal, citoxenética evolutiva, xenómica comparativa, evolución de máquinas celulares e subcelulares, e incompatibilidades mitonucleares.