Manel Cráneo | “Viñetas é un evento fundamental para entender A Coruña a nivel cultural”

O novo director do salón do cómic herculino estivo vinculado ao mesmo desde moitas facetas diferentes. Agora tócalle dirixilo e asegura que buscará, entre outras cousas, manter o “excelente” trato aos artistas e que os máis mozos se interesen polo medio
Manel Cráneo | “Viñetas é un evento fundamental para entender A Coruña a nivel cultural”
O novo director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo | Cedida

Na súa edición número 27, Viñetas desde o Atlántico estrea director na figura dunha persona que viviu a tradicional cita veraniega coruñesa co cómic desde todos os prismas posibles. Manel Cráneo toma o mando dun festival que viviu “como fanzinero, autor, lector, atendendo o stand formativo das xornadas de Banda Deseñada de Ourense, como editor e, polo medio, catro anos na organización de actividades paralelas”. “Son moitos puntos de vista nestes 27 anos”, apunta o novo director de Viñetas.
 

Semella que o posto era o paso natural para el, aínda que ri cando se lle fai a pregunta. “Nunca estivo nos meus obxectivos”, subliña mentres lembra que andaba “enredado en moitas cousas”.
 

Pero hai un aspecto do seu traballo que pode ser o adecuado: “Gústame moito levantar proxectos, traballar en equipo, e colaborar polos dereitos da profesión”, comenta, mentres enumera todas as asociacións e entidades polas que pasou o tamén director de Demo Editorial e impulsor de Coruña Gráfica. “Quizáis polo meu perfil, o Concello viu un perfil interesante para afrontar esta nova etapa”, un cargo que el asume “cos pes na terra e coa cabeciña ben acomodada, para intentar facer as cousas ben, porque é unha responsabilidade”.


Responsabilidade por moitos motivos. Un deles, porque “é un festival que destaca porque sempre se trata moi ben, sobre todo á parte autoral”. Por outra banda, “porque é un festival grande, con moi boa fama e que ademais é un evento fundamental para entender A Coruña a nivel cultural”, afirma Manel Cráneo, que destaca o Viñetas e o Noroeste como dous “dos grandes estandartes da cultura que temos”.

 

Liñas mestras

Cráneo ten claro que a esencia do festival se manterá, adaptándoo aos tempos. Entre as súas liñas mestras, a primeira que destaca é “que sexa un festival totalmente inclusivo, a todos os niveis”. Mantendo ese “trato excelente” aos autores que sempre foi un piar do salón, Cráneo quere “reforzar a presenza de autores galegos e locais”.


En definitiva, “manter todas as cousas que se vian no festival e, quizais, engadir algunhas que sexan máis acordes aos tempos que corren”, con “novas actividades e formatos”. 

 

O sector do cómic en Galicia está nun momento espléndido, pasamos dun grupo de rapaces que facía fanzines a un sector profesional asentado
 

Entre esas ideas está a de “deslocalizar” o Viñetas e achegalo ás novas xeracións, como xa se viu con ‘Viñetas desde a Escola’. “As novas xeracións son fundamentais”, apunta, chamando tamén a pór en valor o traballo de centros artísticos da cidade como Durmideiras ou a Pablo Picasso. “Involucrarse coas ensinanzas artísticas tamén será outra liña que intentaremos facer máis do que estamos facendo e, para iso, o Concello está involucradísimo”.
 

O máis complicado nestas primeiras semanas, apunta, “é montar un equipo desde cero e logo afrontar o festival sen un libro de instruccións”. Aínda así, nas vindeiras semanas perfilaranse “todas as actividades”.

 

Lembranzas e sector

Do momento no que naceu Viñetas, hai 27 anos, Manel Cráneo lembra que na Galicia xa se vía un “caldo de cultivo” importante, da man dos colectivos e fanzines que deron forma ao sector nos anos 80 e principios dos 90.


O festival serviu para que moita xente, moitos da miña xeración, puideran ter unha plataforma para coñecer a autores e editores de fóra, e moitos foron dando o salto ao mercado estatal, incluso ao internacional”. “As lembranzas son moi boas”, indica o director.
 

Neste tempo, o sector mudou, para ben. “Daquela, era moi difícil ver autoras no cómic”, afirma e lembra que “Emma Ríos era como unha rara avis, todos a tiñamos supermidada, había que tratala ben porque era a única que tiñamos”, comenta mentres ri. Agora, ve un sector forte, con nomes como a propia Emma Ríos, David Rubin, Tirso Cons ou Xulia Vicente. “O sector en Galicia está nun momento espléndido, pasamos dun grupo de rapaces que facían fanzines a un sector profesional asentado, agora hai tanta xente que xa non a damos censado”, conclúe sen aguantar o riso. 

Manel Cráneo | “Viñetas é un evento fundamental para entender A Coruña a nivel cultural”

Te puede interesar