O BNG propón que o Goberno Local impulse a posta en marcha do transporte marítimo

Dende o Bloque convidan ao Concello a iniciar un diálogo “cos demais concellos da comarca”
O BNG propón que o Goberno Local impulse a posta en marcha do transporte marítimo
Avia Veira, concelleira do BNG

O BNG saudou como positivo o contido do estudo técnico encargado polo Concello sobre a viabilidade do transporte marítimo entre A Coruña e Oleiros.

 

"Non podía ser doutro xeito, despois de anos de defendermos en solitario este modo de transporte entre a nosa cidade e a súa contorna, após moito tempo en que o asunto non foi tomado en serio nin polo goberno municipal da Coruña nin polo de Oleiros", afirman dende o partido nacionalista, amosando o seu contento polo resultado do estudo.

 

Dende o BNG destacan que o partido sempre "concibiu o transporte marítimo como parte dunha estratexia de mobilidade integral e non como unha peza illada". Insiten en potenciar o transporte público -coa implantación de carrís VAO nas proxectadas reformas da Avenida da Vedra e da Ponte Pasaxe-, a dotación dun servizo de proximidade ferroviario e a mellora dos traxectos por camiños de ferro entre A Coruña e as cidades de Ferrol e Lugo, ben como tamén a instalación futura dun intercambiador no peirao de San Diego, deberían facer parte desa estratexia de mobilidade sustentábel e integral en que tería perfecta cabida a conexión por vía marítima.

 

“Mais a invocación a transporte marítimo non pode ficar nun titular de prensa”, advirte a concelleira do BNG Avia Veira, autora dunha moción que irá ao Pleno o vindeiro xoves 6F e por medio do cal a formación nacionalista propón que o Goberno Local inicie xa un diálogo “cos demais concellos da Comarca” para impulsar a posta en marcha do transporte marítimo.

 

Para isto, o BNG propón tamén que o Goberno Local “se comprometa coa constitución dun ente para a xestión da mobilidade na comarca da Coruña que permita a coordinación entre todos os medios de transporte da área: os xa existentes e os que se poidan pór en marcha”.

 

De resto, o BNG sinala que o transporte marítimo “debe ser útil tamén para outros habitantes da comarca que vivan en concellos limítrofes ao de Oleiros, cunhas boas conexións noutros medios de transporte”, como poden ser buses lanzadeiras que enlacen con Sada.

O BNG propón que o Goberno Local impulse a posta en marcha do transporte marítimo

Te puede interesar