Ricardo Cao | “A táboa de multiplicar custoume e ás veces quedaba sen recreo”

O reitor da Universidade da Coruña comparte paixón polas matemáticas coa súa familia e moitas veces, nas comidas, acaba sendo un dos temas de conversación máis recurrentes
Ricardo Cao | “A táboa de multiplicar custoume e ás veces quedaba sen recreo”
Ricardo Cao, na praza de Azcárraga | Patricia G. Fraga

Entrevista CTV

 

Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965), o reitor da UDC, é un home profundamente tímido ao que lle brillan especialmente os seus ollos azuis cando fala de matemáticas ou estatística, unha paixón na que non está só, senón que o acompañan a súa muller e os seus dous fillos. Na súa casa todos son matemáticos e nas comidas moitas veces é un dos temas recurrentes.

 

Cal é a primeira lembranza da cidade da Coruña que ten? 
Puf... Case seguro ao carón da miña casa e a miña rúa, que estaba sen asfaltar...

 

E onde era iso? 
Na rúa Noia, nos Mallos. Había daquela un campo de fútbol, non existían a metade das casas que hai agora, e alí botaban (digo botaban porque eu non era moi futboleiro) os partidos toda a rapazada. Eses son os meus primeiros recordos, xunto cun campo de papoulas. Por certo, que foi aí onde empezou Inditex...  Eu baixaba e escoitaba o tacataca das máquinas das rapazas que traballaban no baixo da rúa Noia.

 

Onde foi ao colexio? 
Aos Dominicos. Pasei case toda a miña vida alí, desde Segundo de Primaria ata COU. Aí teño grandes amigos e compañeiros.

 

E como o pasou no colexio? Sería bo estudante... 
Bueno, non tanto. En Quinto de Primaria, creo que foi, suspendín Escritura, pola caligrafía. E, de feito, aínda que nas Matemáticas nunca suspendín custoume moito a táboa de multiplicar.

 

Isto é moi sorprendente en alguén que é matemático e que levou o Premio Nacional de Estatística. 
Pois non sei. Eu era un rapaz moi tímido, aínda agora o son. E, por algún motivo, lembrar memoristicamente as cousas daquela custábame bastante. É curioso porque a  mesma profesora, Manuela Yagües, inculcoume moito gusto polas matemáticas. Colliamos aqueles cuadernos Rubio, con eses pequenos problemas, e ela tiña un método que me gustaba moito. Dicía: plantexádeo e, cando o teñades, vides aquí e o explicades. Na táboa equivocábame máis e moitas veces quedaba sen recreo se cometía algún erro.

 

E cando cambia o conto? 
A partir de Sétimo de Primaria. Tiña un profesor, José Ignacio Fernández Molina. Dabamos trigonometría e lembro perfectamente como entre toda a aula fixemos a demostración de seno angulo suma. Aquelo de ver que non eran só verdades que che soltan, senón que ti podes demostralas creoume unha sensación fantástica, que me deu unha motivación e un gusto polas matemáticas.  

 

E aí deuse de conta de que ese era o seu camiño.  
Desde entón, xa cada vez máis, souben que era unha das cousas que a min me fascinaba.

 

E marcha a Santiago a estudar a carreira.  
En realidade, fíxena indo e volvendo. Viaxaba diariamente a Santiago. Había un bus –bueno, había catro pola mañá e dous pola tarde– e ía no Castromil.

 

Así que fixo a carreira sen deixar de vivir na Coruña? 
Máis ben, en Dorneda, porque meus pais tiñan unha casiña alí.

 

E cal era a súa intención cando estudou Matemáticas? 
No primeiro momento, guioume o gusto pola disciplina. Ao longo da carreira, tiven claro que era unha ferramenta moi poderosa para resolver problemas prácticos e mellorar a vida das persoas. Entón decidín tirar pola especialidade de Estatística e Investigación Operativa, a única que existía entón. A verdade é que fun moi bo estudante e quedei facer o doutoramento. Aí foi cando vivín en Santiago, menos o tempo que estiven en Alemaña.

 

De que fixo a tese? 
Do método Bootstrap.

 

Vou ter que preguntar que é iso.  
Creouno a finais dos anos 70 un americano que se chama Bradley Efron, que aínda vive. Na estatística, unha das cousas importantes é ter estimacións, algoritmos que a partir dos datos, dinche por onde debe andar aquela cousa descoñecida que queres saber. Este método o que fai é utilizar a potencia das computadoras para poderse aproximar á incertidume. Antes, os estatísticos adoitaban facer sesudos traballos teóricos. É aplicable a case calquer procedemento de estimación e por iso calquera estatística ven co Bootstrap na mochila.

 

Fascina ver con que paixón fala de estatística e estimacións.  
Iso é innato (ri).

 

Estivo vivindo en Compostela, en Alemaña... Que bota de menos cando sae da Coruña?  
Sen dúbida algunha, o mar. E as cousas que me gustan da cidade, rincóns...

 

Cal son os seus preferidos? 
Non teño só un. A praza da Fariña, que é como se lle chamaba antes á praza de Azcárraga, e o monte de Santa Margarida, que eu sigo chamándolle monte. Teño moitas lembranzas aí cunha tía avoa, que me levaba de pequerrecho. E os olores, que teñen unha capacidade de evocación incrible.

 

Ademais dos Mallos, cal son os seus barrios na Coruña?   
Catro Camiños e Monelos. Concretamente, Cabaleiros, que é unha rúa mal nomeada, que mo contou o reitor Barja. Alí había unha alcabala, que era o nome do imposto; a rúa sería Alcabaleiros ou Alcabaleros en castelán pero non Caballeros. 


De que presume cando fala da súa cidade?  
Da Universidade, por suposto, e das paisaxes pero, sobre todo, do carácter dos coruñeses, do acolledores que somos.  

 

E algo que non lle guste?  
Ás veces miramos un pouco por riba do ombro ás persoas e estamos pendentes do que dirán.

 

Cando ven alguén de fóra, a onde o leva?  
Como lugar menos típico, a praza de Lugo. Hai xente que non está acostumada a ver os nosos peixes e mariscos. Levei a algún profesor e pasouno pipa.

 

Cando non está traballando, a que dedica o tempo?  
O pouco que teño, á familia, porque meus fillos xa están fóra.

 

E saíron matemáticos tamén?  
Si. O maior eu facíao máis ben enxeñeiro pero finalmente fixo Matemáticas e é profesor na Universidade de Santiago. E o pequeno fixo Matemáticas e Física e está agora en Nova York aínda que volverá pronto a Europa. O problema que temos é que ás veces falamos de máis das matemáticas, nas comidas e tal. 


E a súa muller como o leva?  
É matemática tamén (ri). Pero non lle gusta que esteamos falando todo o tempo do mesmo. A miña muller, Aurora, é moito máis práctica.

 

Peor sería se falaran de política, polas matemáticas non haberá fortes discusións, imaxino.  
Tamén falamos de política moito, pero coas matemáticas, as discusións son moi colaborativas, dubidas de se algo é certo e tratas de ver os argumentos dos demais. É moi gratificante poder falar cos teus fillos de cousas que te apaixoan.

 

Preguntas cascarilleiras

Prefire os churros de Bonilla ou os do Timón?
Para almorzar, os de Bonilla e, para a merenda, os do Timón.

 

É máis dos Xardíns de Méndez Núñez ou monte de San Pedro?
Xardíns de Méndez Núñez, polas lembranzas que me traen de cativo. Recordo tamén ir polo porto e a un programa que había en Radio Nacional e que lembro con fascinación, no que o público participaba moito. Chamábase ‘La ballena alegre’.  

 

Para saír a tomar algo, escolle a rúa da Estrela ou a da Barreira?
A Estrela. Coincídeme máis de ir, non sei por que. Pode ser algo xeracional.

 

Normalmente, bebe auga de Emalcsa ou embotellada?
Do grifo.

 

Praia de Riazor ou praia do Orzán?
(dubida bastante antes de contestar) Eu diría que, das dúas, o Orzán.

 

Recorre a cidade a pé ou motorizado?
Camiñando, sempre que podo. A diario, a traballar non veño camiñando porque normalmente non dispoño do tempo. Ao mellor teño que vir no coche xa desde a casa e, á volta, se podo, vou andando. Teño que andar, porque me gusta e pola saúde. E faime moito ben.

 

Xeados tradicionais como os da Colón ou a Ibi ou sabores máis modernos?
Tradicionais, os de sempre da Colón.

 

Cal é o que pide sempre?
Fresa, frambuesa... eses son os que me gustan.

 

Gústalle máis unha verbena ou un concerto?
Un concerto, penso.

 

Algún que lle gustara ultimamente?
O concerto de Nadal que houbo do Mesías de Haendel, o pasado mes de decembro, que tiven ocasión de ir. No Pazo da Ópera. Porque, ademais, foi un concerto participativo, estiveron os coros da cidade, ademais do coro da orquestra e a propia OSG... Pero as verbenas tamén. Gústame moito a música e cantar cos meus curmáns. A familia de meu pai cantaba moi ben. Miña tía de Catro Camiños tivo ofertas para educar a voz fóra... Na casa de meu pai, as comidas remataban sempre cantando todos. E agora, cando nos xuntamos, rematamos cantando. Cando nos deixan, porque non sempre podemos en todos os restaurantes.

 

É máis de Entroido ou de San Xoán?
Un pouco máis de San Xoán. Gústame o Entroido, pero hai moitos anos que non me disfrazo. No meu entorno son unha excepción e disfrazarme só pois tampouco é unha opción.

 

Di máis veces chorbo ou neno?
Neno. Non me sae habitualmente, pero si que o digo máis. Hai trinta ou corenta anos igual dicía máis chorbo (risas). 

Ricardo Cao | “A táboa de multiplicar custoume e ás veces quedaba sen recreo”

Te puede interesar