O vindeiro 14 de abril (19.00 horas), Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre voltan ao teatro Colón, para presentar o seu cuarto disco en común, ‘Axúdame a sentir’. E voltan coas entradas esgotadas dende hai un tempo: “Fai que sexamos moi felices, porque non é fácil e tamén, dalgún xeito, nos responsabiliza para facer un concerto que esté á altura”, apunta Xabier Díaz, avanzando que no teatro, o público escoitará os novos temas, así como algúns dos discos anteriores. O día anterior, presentan o traballo no Auditorio de Galicia compostelano (20.30 horas)
“Axúdame a sentir” é a frase que a súa avoa Obdulia lle dicía con frecuencia. Mais hoxe en día, a sociedade non ten por costume parar a sentir. Nin parar, sen máis. “Se hai algo que a sociedade actual non fai, é pararse”, apunta Díaz entre risas, “vai a unha velocidade vertixinosa”. “Eu creo que pararse empeza a ser de raros, de valentes, de curiosos moi curiosos, que queren saír da roda do minuto, ou da roda da pantalla”, afirma o músico, que engade que dedicarlle horas á lectura dun libro, ou a escoitar un disco con creacións máis longas do habitual, é raro. “Dedicarlle moito tempo a algo, sin esta cousa urxente, empeza a ser algo raro e a min me parece que hai que facer a reflexión e convidar á xente a entregarse a ese tipo de aventuras marabillosas”.
O disco, explica, naceu “dun xeito moi íntimo, moi privado”, pero tamén dun xeito “moi pouco precociñado, dunha maneira máis improvisada, intentando que fluíra dun xeito diferente”. Díaz subliña que é un traballo menos estructurado, na súa confección inicial, mais “ten moito de indagar, de buscar novas vías para expresar e dar a nosa visión da música de raíz”.
Aparecen sonoridades novas, pero digamos que esa parte de risco está soportada por unha casa, e Adufeiras de Salitre son esa casa que vertebra o proxecto
Dese xogo da indagación, naceron sonoridades novas, que permitiron incluir nalgúns temas instrumentos como guitarras ou baixos. Con baixos midi sintetizados e unha guitarra eléctrica fixo probaturas “que anticipaban que esa sonoridade me gustaba, había unha especie de conexión co afrobeat dos 70 ou 80, esa cousa así un pouco afro de tocar a guitarra un pouco mute, que me parecía interesante mezclar cos nosos patróns rítimicos, coas muiñeiras, coas xotas...”. Tamén xogou o azar, que fixo que Díaz coñecera a un guitarrista arxentino, de Tucumán, que acabaría gravando eses sons de guitarra.
No pasado, o músico coruñés explicaba que o primeiro disco con Adufeiras de Salitre foi como unha sorpresa; o segundo, o que refrendaba o traballo; e o terceiro era o que mellor reflectía a súa sociedade. Preguntado polo significado da colaboración neste cuarto disco, Díaz asegura que “teñen, outra vez, un papel fundamental na cohesión dos elementos”. “Aparecen sonoridades novas, pero digamos que esa parte de aventura ou de risco está soportada por unha casa e elas son un pouco esa casa, son ese elemento fundamental que vertebra o proxecto”, indica Xabier Díaz. I este motivo é o que tamén fai “máis fácil introducir variables novas e facer exploracións, sabendo que, ao final, temos aí esa casa, ese lugar común que nos sexa familiar e nos permite saír a facer esas exploracións”.
Abordado sobre as novas xeracións e as novas aproximacións á música de raíz, o músico coruñés teno claro: “Congratúlome e celebro moitísimo que a xente nova que está facendo música teña curiosidade pola nosa música de raíz e que inclúa os seus discursos renovados ao tempo que nos toca vivir”.
“Non teño a sensación de ser un cronista, senón que teño a sensación de formar parte de todo o que está acontecendo, pero coincido en que o momento é extraordinariamente positivo, sobre todo porque se achega a música de raíz a un territorio que sempre lle foi negado, que é a música máis mainstream, así que eu alégrome moitísimo por esa curiosidade e polo compromiso coa tradición”.