Entrevista CTV
A nominación ao Goya coma actriz revelación fai que Lucía Veiga López (A Coruña, 1979) estea a atravesar un momento especialmente doce na súa profesión como actriz. “O de ‘Soy Nevenka’ é un papel pequeno, de seis minutos de metraxe –explica–, e que chegue unha nominación por seis minutos... hai que sentarse, pararse a pensalo e dixerilo”. E niso anda mentres chegan traballos –ten pendentes dúas series e varias curtas– e goza deste tempo: “Estou como cando metes a unha nena pequena nunha tenda de chuches; estou probando todo”.
Cal é o primeiro recordo que ten da Coruña?
Teño bastantes recordos de pequena, pero que teñan que ver coa cidade, se cadra, a nevarada aquela grandísima do 87. E tardei moitísimos anos en volver ver neve. O concepto “Non hai cole porque neva e hai xente na praza de Pontevedra facendo bonecos e tirando bolas” era alucinante. E antes, debeu ser con catro anos, cando me perdín nos xardíns de Méndez Núñez e botei, non calculas ben de pequena, pero moito tempo sentada nun banco a ver se aparecían.
Onde foi ao colexio?
Ás Josefinas. E, cando pecharon, fun para A Zapateira, ás Franciscanas, e tiña unhas vistas da cidade marabillosas.
E como lembra esa época?
Sempre me encantou ir ao cole. A calquera deles. Eu era das que ía contentísima. E teño recordos das Josefinas, do patio, de escoitar a cidade fóra, con árbores e verde... era como un oasis no medio da cidade. E, despois, na Zapateira, tiña unhas vistas... Lembro o día do ‘Mar Egeo’: a nube de fume era impresionante.
Por que escolleu o parque de Santa Margarida para facer a foto?
Era o contacto coa natureza da miña infancia. Porque, aínda que é certo que uns avós eran de Lugo e os outros de Malpica, non eran exactamente aldeas. Era en Lugo cidade e Malpica xa non é unha aldea así que ese contacto de animais, verde, natureza era o parque. Era unha zona segura e para min, enorme, unha mestura de xogo, de liberdade, porque ao final os nenos urbáns non temos espazo para sentirnos libres e correr sen que pase nada. E para pais e nais era unha tranquilidade.
Cal son os seus barrios?
Como lle chamamos a Médico Durán? É Falperra, é Juan Flórez, Santa Lucía? Aí pasei 25 anos da miña vida. Cando nacín, primeiro vivin nos Mallos, cos avós. E despois, volvín a ese piso e teño a sensación, cando van pasando os anos, como que volvín a casa e me sinto máis cómoda nos Mallos, con ese espírito de barrio, que tirando a Juan Flórez.
Sabe cal é o bus que ten que coller para volver á súa casa?
Si, si. Todos. De feito, é vedade que cando estaba en Médico Durán non collía tanto o bus pero agora contróloos todos. Sobre todo, o bus marabilla é o 11. E o 5. Son os meus buses de cabeceira (ri).
Que bota de menos cando non está na Coruña?
O mar, inda que é verdade que poden pasar semanas sen velo pero está. Flota no aire e chégache o cheiro e a enerxía. Boto moitísimo de menos o mar e a sensación de familia que dá o barrio.
Que é o que lle fai sentirse orgullosa da cidade? De que presume cando sae fóra?
Presumo de que é unha cidade aberta ao mar, porque estou en outras cidades que teñen mar pero non están abertas a el, e Coruña por diante, por detrás e por todo o redor sempre está collida da man do océano. Somos abertos e receptivos e o dito de que ninguén é forasteiro é certo.
E cal son os defectos?
Ás veces, como dicilo, hai certo aire ao mellor burgués ou case soberbio. Moitas veces A Coruña pechou as portas á Coruña do redor, á área metropolitana. E aos propios barrios incluso. Como se fora unha cousa moi concéntrica, non sei se por ser unha península, na que todo queda como ás costas, que a fin de todo é chegar á Coruña e o arredor parece que non hai nada, que estamos illados do resto e non, a min gústame que haxa esa conexión con todo o marabilloso desa área metropolitana que nos rodea.
E, cando ven alguén de fóra, a onde o leva?
Cen por cen, ao monte de San Pedro. É un sitio que ten as vistas e permite descubrir non só a cidade senón tamén todo o que a rodea, todo ese enclave. E ao Castelo de San Antón; máis incluso que á Torre de Hércules.
Se poidera facer unha viaxe no tempo, a que época da cidade lle gustaría ir?
Pola cidade ou por min?
Por ambas partes.
Gustaríame moitísimo coñecer a Coruña de Emilia Pardo Bazán, sobre todo despois de rodar a película ‘Mi ilustrísimo amigo’ (interpreta a escritora neste filme sobre a relación dela con Benito Pérez Galdós). Paréceme unha época de esplendor da cidade, cultural e proa de certo desenvolvemento de Galicia. Si, A Coruña de Emilia e, por que non, a de María Pita. Teño a sensación de que a temos idealizada. Falamos dela como se a coñeceramos e descoñecemos totalmente a época e quen era o personaxe. Por cousas que lin, paréceme moito máis complexo que a heroína que encabezou... Gustaríame furgar aí.
Falemos un pouco dos proxectos que ten agora enriba da mesa despois desa nominación ao Goya como mellor actriz revelación.
Os actores e actrices non debemos vivir pensando en premios. Se chegan, é por casualidade e non significan moito máis que azar e cariño dos compañeiros que ao final votan persoas. Pero si agardas que traian traballo e visibilidade. Estou con varios proxectos. Metinme co teatro, que lle tiña moitas ganas...
Pero sempre fixo teatro...
En realidade non. Empecei con 39, non hai tanto. No 2018 foi o primeiro traballo profesional. E antes, como moito, unha obra no cole e unha no instituto. Teatro, se cadra, foi o último.
E de que maneira chega entón á interpretación?
Chego porque a vida me coloca, e menos mal, na situación de escoller que camiño quería seguir nese momento. Se a miña vocación era ser profesora, a descartei porque non me vin con ganas de opositar e empecei a traballar noutras cousas. E descubrín con trinta e tantos anos que estaba infeliz e que non me sentía realizada. Grazas a que me despediron, porque non tería xamais o valor para dar ese xiro de timón. Tiña unha rede de amigos que me dixeron: “Tómao con calma”. Un deles tiña unha escola de interpretación, La Tuerka Films, e díxome: “Ven, que polo menos non estás na casa dándolle voltas á cabeza”.
E todo foi fluindo ata chegar aquí...
A verdade é que foron unha serie de carambolas e casualidades, de estar no sitio adecuado no momento adecuado: fixen un casting, unha publicidade, unha web serie con amigos... Cando me din conta, en ano e pico ou dous anos, era capaz de vivir desas pequenas cousas que ía facendo. E unha traía outra. E dixen: mentres dure...
Preguntas cascarilleiras |
Que prefire, os churros de Bonilla ou os churros do Timón?
Un paseo polos xardíns de Méndez Núñez ou polo monte de San Pedro?
Para ir a tomar algo, é máis da rúa da Estrela ou da rúa da Barreira?
Normalmente, bebe auga de Emalcsa ou embotellada?
En cuestión de praias, prefie a de Riazor ou a do Orzán?
Móvese pola cidade a pé ou máis ben vai motorizada?
Consume máis ben xeados tradicionais, dos de toda a vida, coma os da Colón ou os da Ibi, ou gústanlle máis os sabores un pouco máis modernos e diferentes?
Para botar unhas pezas ou saír, é máis dunha verbena ou dun concerto?
Se só poidera elixir un, opta polo Antroido ou polo San Xoán?
Á hora de falar, é de dicir máis veces chorbo ou neno?
Pero dío? |